liberticidio (a little bit)


Unha parte da fama que ten obtido Rawls débese ás posibilidades que ofrece a súa teoría do veo da ignorancia. Mediante ela é posible xustificar políticas redistributivas. Nunha espléndida palestra retrúcalle Zizek ao argumento rawlsiano que a lóxica da envexa e o resentimento impide a aplicación práctica do veo. Mais iso pode ser certo no caso da caridade ou os donativos nominativos, non ten por que selo no caso dos impostos. Quero chamar primeiro a atención que o resentimento é un sentimento moral que depende do instrumento empregado: cando o suxeito caritativo dá é o receptor da caridade o que pode sentirse resentido; cando o suxeito impoñible é gravado pode sentir tamén resentimento. No primeiro caso os destinatarios do resentimento son os doantes, no segundo adoita ser o Estado ou os receptores de axuda (inmigrantes, parasitos sociais, etc).
Cando os impostos están ben deseñados, non gravando desproporcionadamente, explicándoselle aos suxeitos o destino dos cartos, habendo unha accountability, non ten por que darse resentimento na parte gravada. Ademais, se o Estado o que fai con eses cartos é dotar de universalidade no acceso á sanidade e á educación (por poñer dous exemplos clásicos) esa dotación non se percibe como caridade, senón como a garantía dun dereito, unha forma de recoñecer o carácter de persoas nacidas iguais aos usufructuarios deses servizos. Esta forma de integración non ten só beneficios económicos e sociais senón que recoñece á persoa en tanto que tal, con nome e apelidos, como titular de dereitos. Así, formar parte dun colectivo significa que es merecente de atención e coidado.
Resulta máis difícil xustificar a redistribución en base ao reparto a colectivos concretos e para fins específicas, como a comida ou a vivenda. É o que sucede coa vivenda, o alimento ou as axudas a colectivos marxinados: son rendas que acaban sendo percibidas por colectivos estigmatizados e marxinados como as nais solteiras, os inmigrantes, os xitanos ou os drogadictos. Resulta doado nestas circunstancias que os suxeitos gravados acaben resentidos: o seu traballo sirve para que vagos, xitanos e musulmáns vivan á súa costa. Non sei ata que punto a idea dunha renda básica podería escapar a esta lóxica da envexa e o resentimento. É posible que este tipo de cousas dependese moito do seu tratamento mediático. Os impostos teñen a vantaxe de ser un mecanismo.
Os impostos sobre a renda son máis dificilmente defendibles para os políticos que os indirectos, sobre o consumo, malia ser máis xustos.

 A posibilidade de aplicar con éxito a idea do veo da ignorancia está no deseño dos mecanismos que busquen aplicala. O resentimento e a envexa non están inevitablemente asociadas á redistribución da renda. A caridade tamén pode funcionar mais, do mesmo xeito, precisa de ferramentas e institucións despersonalizadoras. Que quen recibe a caridade poida sentir que a axuda non implica a súa condición inferior senón, pola contra, que é digno de axuda pola súa condición de persoa.  

Comentarios

Entradas populares de este blog

The Green Night: do verde e o vermello.

BAD HABITS

catástrofe y trauma